martes, 28 de diciembre de 2010

Matemática e Fisicamente

Apaciguando un espazo para que me permita a través dos diferentes ángulos e cristais memorizar cada un dos teus gustos, desexos e apetencias.

Recompoñendo a distancia que media entre dous corpos separados unha distancia X para conseguir apreciar e aprender a valorar e saborear os defectos e imperfeccións que aproximan aos corpos.

Retrotraendo o tempo presente para participar neses despistes que provocan a perda dun billete de tren nunha estación de pedra na que chove e se pasea.

Sumando eses xogos de sedución, poñerte e quitarte un antifaz. Facer que de non pasar nada chegue a pasar un case todo no preciso instante no que os nosos ángulos máis obtusos deciden colisionar facendo un ruído de ondas batendo nas rochas enchendo o aire de arrecendo a sal a auga e ao teu xabón preferido que descansa na pequena repisa do teu baño polo que case non entra máis que a primeira raiola da mañá, nunha mañá esgotada pero ilusionada de escoitarnos neses longos silencios cómodos cálidos.

E todo por conseguir que a ecuación da casualidade elevada á potencia do inesperado e multiplicado pola raíz cadrada do levemente premeditado poda igualarse ao resultado final de: Felicidade.

lunes, 27 de diciembre de 2010

Silencios cómodos

Gústame malgastar o tempo da noite anotando parvadas que ao día seguinte podan parecer algo máis interesantes que o simple feito de dicir que te botaba de menos.

Un tempo na noite que parece que pasa máis lento cando escribes e non dumres e non pensas só deixas que os pensamentos se deformen e desdebuxen en forma de letras mal escritas a escuras.

Estar agora escribindo e perder un pensamento para despois recuperalo e querer deixalo moi claro antes de que desapareza para sempre: o tempo de noite cando estamos os dous pasa moito máis rápido do que eu quixera. E agora te boto de menos pero é un botar de menos raro, ou se cadara é así como teñen que ser os botar de menos pero xa non me lembraba de como eran.
E gústame escoitar a túa voz e gustaríame ter falado longo e tendido sobre nada, sobre cousas parvas da vida sen sentido e planeo de anteman unha borracheira (non de sono) na que te conte mil cousas absurdas, angulosas e transparentes facendo que cando as escoites teñas ganas de bicarme ás escuras como estou escribindo eu agora... pero para iso haberá que esperar... e quero facer locuras e quero facelas contigo quero que me propoñas un sen sentido e eu dicir que si dándome igual e fuxir a algures, marchar sen ter rumbo desconectando da cidade que nos coñece que ten os nosos ritmos sabidos de memoria e os nosos tempos tamén sabidos. Un lugar con antifaces por todas partes pero sabernos ismplemente con mirarnos, recoñecernos, xogar contigo á locura dun desenfreno inmediato e deshidratante.

domingo, 26 de septiembre de 2010

Tarde

cando xa non buscas cantar cancións, só escoitar diferentes sons alternativamente discontinuos que axudan a debuxar sobre un papel marrón as ideas que sobreveñen como zume de sandía.
Tan fresco, tan líquido e tan vermello.

onte foi unha tarde/noite vermella porque quizais houbese, por algún motivo descoñecido demasiada sangue. Per non doía. Aínda que pensándoo ben non chegou a ser de todo vermella, tamén houbo algún que outro toque de azul, dese azul mar que está ao outro lado da cidade, ese que tan poucas veces vemos.

estabas preciosa. Resúltame curioso chegar a pensalo así pero non é malo. Ao mellor débese a esa cor vermella que aínda levo na retina que tiñe o recordo. pero pensei que eras/estabas preciosa antes desta última tarde color sandía. Está claro que é esa coleta de medio lado con ese novo aire desaliñado. E estabamos dentro dun coche, quizais o momento menos indicado para pensalo, pero así son os pensamentos, sobrevéñenme en calqueira momento e sen ningún tipo de aviso previo.

e sorpréndome a min mesmo xogando a imaxinar "que pasaría se...?" Curioso xogo mental para o último fin de semana de vacacións.

descontextualizando todo e averiguando a facilidade de deixarse mecer polos acontecementos etílicos inexistentes que mediante unha fugaz observación nos levaron a decidir que nunha tarde de setembro co estómago cheo de xeado e perspectivas de noite peliculera tirando a mala con tintes color vermello sandía voaremos en breves cara un lugar bañado por outro mar que non é este en busca dunha vivencia nova por compartir porque a pesar do tempo transcorrido e as mil vivencias exprimidas ata límites sospeitados afrontaremos a fuxida con certa experiencia previa adquirida no cosquilleo no teu dedo anular e o meu sorriso de medio lado sabendo que nos quedan outras tantas situacións por atrapar ao voo e que ao mellor desta volta acabamos adiviñando o final do xogo de imaxinar

domingo, 19 de septiembre de 2010

Queres un soño?

Ser imaxe.
Comezando nun plano xeral sobre unha cidade, calquera. Baixar pouco a pouco mentres na noite escóitase que dende algún dos balcóns do edificio que temos diante sona un tocadiscos. É unha melodía dun acordeón.
Somos dous ceando nunha pequena terraza do último piso.
A música cambia. É Enrico Caruso e a súa "furtiva lágrima".
Hai platos baleiros na mesa.
E de súpeto, como sen querelo, deixo que comeces a facerme cóxegas na comisura da miña existenza imperceptible.
E coma outra de tantas noites deleitámonos cun postre ao aire libre entre suspiros e brisas frescas que nos recordan que mañá será outro día.

E é así como comeza a historia na que por motivos descoñecidos ao bicarnos a terra cambia de cor, dunha cor coma a xema dos ovos.
Unha historia na que todo está bañado por unha luz propia das fotografías nas que un raio de sol revota por todas partes facendo que as cores teñan unha intensidade maior.
Esa historia na que para entrar ao teu piso hai que ir descalzo porque o mar chega ata a porta da túa casa. É un mar fresco, que fai que nun principio un pequeno arrepío percorra esta espalda. A auga non pasa máis alá dos nocellos e cando chamo á túa porta a auga entra suavemente. Deposito os zapatos no estante preparado para elo e collo a pequena toalla para secar os meus pés. E entro.

Ser imaxe nunha cidade descoñecida, nun piso baleiro, cunha pequena terraza na que hai dúas persoas ceando, con platos baleiros de inquedanzas e dispostos a ofrecerse un postre especial, expectativas con zume de laranxa.

domingo, 5 de septiembre de 2010

Habitación diminuta

Era unha habitación diminuta.
Unha desas habitacións diminutas nas que só cabe unha inmensa cama.
Non era unha inmensa cama calquera.
Era a túa inmensa cama. Que ocupaba toda a túa habitación diminuta.
Recordo que na túa inmensa cama dentro da túa habitación diminuta pasabamos horas.
Horas eternas, inmensas e diminutas.

Pero que nos importaba a nós que o tempo pasara lento ou rápido se todo era para nós.
Que nos importaba a nós a inmensidade da cama se era só para nós e chegaba a parecernos diminuta?
Que nos importaba a diminutez da túa habitación se só cabiamos os dous e facíasenos inmensa?

E agora escribo dende unha inmensa habitación que me semella diminuta, sobre unha cama diminuta que se me fai inmensa (sen ti).

martes, 16 de febrero de 2010

Explosión da medusa

Creo que é cuestión de pequenos inicios. A saltos, a impulsos.
Busco complicarme a vida, coma se non o fora xa de por si.
Preciso de pequenos estouridos, que me empurren e entón aproveitar a súa inercia. E deixarme levar. Arrastrado pola onda expansiva... ou mellor aínda, ser medusa.

MeDuSA. Axitar os téntáculos, cun pequeno e leve movemento para despois deixarse levar... suavemente, ata onde se chegue, que máis dá. lonxe. preto. descoñecendo. descubrindo. recordando.
Pero gozar desa calma despois do primeiro empurrón, desa primeira contración que fai que avance. máis saborosa, se cadra que a calma posterior. Aí está o estímulo, na contración. a base de complicacións, de enredos, de querer buscarlle os tres pés ao gato, de tirarlle da cola ao can pra que veña tras nosa. consiste en, penso eu, tantar a SORTE.

é tan sumamente divertido. non me chega co que hai. supoño que iso é bo. Quererei crelo así. é tan sinxelo tentarme, tentarte, tentar... son pequenas cousas que me fan autoconvencerme de ata que punto podo decidir por min mesmo. Acadar a maior locura e parvada, pero sempre porque quero, no momento.

Aspirando a esvaecerme, dalgún xeito, a volverme inmaterial por un tempo, cun ideal tan complexo como poder decidir que facer, cando facelo e como facelo sen que todo iso supoña un problema.

Chegar a un punto no que se poda pensar a voz en grito e berrar co pensamento no que é unha liberdade egocéntrica e unicamente propia.


Desexando ser medusa


Unha aperta imperceptible!