martes, 28 de diciembre de 2010

Matemática e Fisicamente

Apaciguando un espazo para que me permita a través dos diferentes ángulos e cristais memorizar cada un dos teus gustos, desexos e apetencias.

Recompoñendo a distancia que media entre dous corpos separados unha distancia X para conseguir apreciar e aprender a valorar e saborear os defectos e imperfeccións que aproximan aos corpos.

Retrotraendo o tempo presente para participar neses despistes que provocan a perda dun billete de tren nunha estación de pedra na que chove e se pasea.

Sumando eses xogos de sedución, poñerte e quitarte un antifaz. Facer que de non pasar nada chegue a pasar un case todo no preciso instante no que os nosos ángulos máis obtusos deciden colisionar facendo un ruído de ondas batendo nas rochas enchendo o aire de arrecendo a sal a auga e ao teu xabón preferido que descansa na pequena repisa do teu baño polo que case non entra máis que a primeira raiola da mañá, nunha mañá esgotada pero ilusionada de escoitarnos neses longos silencios cómodos cálidos.

E todo por conseguir que a ecuación da casualidade elevada á potencia do inesperado e multiplicado pola raíz cadrada do levemente premeditado poda igualarse ao resultado final de: Felicidade.

lunes, 27 de diciembre de 2010

Silencios cómodos

Gústame malgastar o tempo da noite anotando parvadas que ao día seguinte podan parecer algo máis interesantes que o simple feito de dicir que te botaba de menos.

Un tempo na noite que parece que pasa máis lento cando escribes e non dumres e non pensas só deixas que os pensamentos se deformen e desdebuxen en forma de letras mal escritas a escuras.

Estar agora escribindo e perder un pensamento para despois recuperalo e querer deixalo moi claro antes de que desapareza para sempre: o tempo de noite cando estamos os dous pasa moito máis rápido do que eu quixera. E agora te boto de menos pero é un botar de menos raro, ou se cadara é así como teñen que ser os botar de menos pero xa non me lembraba de como eran.
E gústame escoitar a túa voz e gustaríame ter falado longo e tendido sobre nada, sobre cousas parvas da vida sen sentido e planeo de anteman unha borracheira (non de sono) na que te conte mil cousas absurdas, angulosas e transparentes facendo que cando as escoites teñas ganas de bicarme ás escuras como estou escribindo eu agora... pero para iso haberá que esperar... e quero facer locuras e quero facelas contigo quero que me propoñas un sen sentido e eu dicir que si dándome igual e fuxir a algures, marchar sen ter rumbo desconectando da cidade que nos coñece que ten os nosos ritmos sabidos de memoria e os nosos tempos tamén sabidos. Un lugar con antifaces por todas partes pero sabernos ismplemente con mirarnos, recoñecernos, xogar contigo á locura dun desenfreno inmediato e deshidratante.